Monday 29 de April de 2024

A poeta uruguaia Ida Vitale, gañadora do Premio Cervantes, visita por primeira vez a cidade da Coruña da man do ciclo Poetas Di(n)versos


Vitale, de 98 anos, protagoniza un recital poético no centro sociocultural Ágora xunto ao escritor galego Manuel Rivas. Será o próximo luns 28, a partir das 20.00 horas, con entrada de balde

O auditorio do centro sociocultural Ágora abrirá as súas portas o vindeiro luns 28 a unha referente da poesía hispánica contemporánea. Aos seus 98 anos, a poeta uruguaia Ida Vitale (Montevideo, 1923) visita a cidade por primeira vez na súa traxectoria para abrir a nova quenda de recitais poéticos do ciclo Poetas Di(n)versos, impulsado mes a mes polo Concello da Coruña.

Vitale, gañadora do Premio Cervantes e o Premio Reina Sofía, será a protagonista do recital previsto neste mes de marzo, un encontro histórico no que estará acompañada polo coruñés Manuel Rivas, Premio Nacional de Narrativa no ano 1996 e unha das figuras esenciais na proxección da literatura galega a escala internacional.

O Concello xunta, así, a dúas das plumas máis importantes da escritura contemporánea en castelán e galego. O recital poético, que comezará ás 20.00 horas, estará aberto á cidadanía con entrada de balde ata completar a capacidade do auditorio. Ademais, unha libraría de proximidade achegará exemplares dos convidados para todas aquelas persoas que estean interesadas en levar neles unha sinatura de Ida Vitale e Manuel Rivas.

O recital de abril contará coa presenza da lucense Lorena Souto e o letón Arvis Viguls

O ciclo Poetas Di(n)versos, fundado e dirixido pola poeta Yolanda Castaño, e impulsado polo Concello da Coruña, comezou a súa andaina no ano 2009, reunindo un luns de cada mes a unha das mellores voces da poesía mundial xunto a outra en lingua galega.

Neste sentido, e tras o recital poético de Ida Vitale e Manuel Rivas, o Ágora acollerá, o vindeiro día 4 de abril, a lectura poética do letón Arvis Viguls (Jēkabpils, 1987), un dos últimos talentos emerxentes na escena literaria de Europa do Leste. Viguls, actualmente na cidade como bolseiro da Residencia Literaria 1863, estará acompañado pola lucense Lorena Souto (O Páramo, 1983), outro nome propio da poesía galega máis nova.

O ciclo Poetas Di(n)versos segue a ser o único de carácter estable que presenta a poetas internacionais de forma regular (neste caso, unha vez ao mes), en toda España.